Monday 29 de April de 2024

A Xunta defende a optimización do tempo para acadar unha maior produtividade e unha mellor conciliación familiar


A secretaria xeral de Igualdade e a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa participaron no congreso “Novas Tecnoloxías e novas maneiras de traballar no dereito español e comparado”

A Xunta participou no Congreso Internacional “Novas Tecnoloxías e novas maneiras de traballar no dereito español e comparado” desenvolvido na Facultade de Dereito, coa participación da secretaria xeral da Igualdade e da directora de Avaliación e Reforma Administrativa.

En primeiro lugar, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, tomou parte nunha mesa redonda sobre “Novas maneiras de traballar e conciliar”, onde indicou que hai que dar un paso adiante en prol da conciliación familiar, e a necesidade de dar unha maior importancia á optimización do tempo en aras dunha maior produtividade para acadar mellores resultados na conciliación e na mellora da competitividade.

López Abella destacou que as políticas de racionalización de horarios que conducen á conciliación, á corresponsabilidade e á igualdade entre mulleres e homes permiten elevar a produtividade das empresas e o benestar da persoas, e resaltou que conciliar non é traballar menos, senón traballar mellor.

Polo que indicou que para continuar avanzando, ademais dos cambios normativos ou novas políticas públicas, é necesario que todas as institucións inicien e consoliden un cambio social, co obxectivo de facer realidade a igualdade e construír novas formas de organización social que fagan compatibles o desenvolvemento profesional e laboral co desenvolvemento persoal e familiar.

Pola súa banda, a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, participou posteriormente no Workshop sobre exemplos de boas prácticas no teletraballo, en Polonia, Repsol e a Xunta de Galicia, onde a directora xeral, coma responsable da implantación do teletraballo na Administración autonómica galega, explicou que dende a súa posta en marcha, ata agora 140 traballadores dos servizos centrais e periféricos da Xunta teletraballan, mentres que máis de 8.400 empregados públicos dispoñen de flexibilidade horaria.

Dende o 2 de xaneiro do ano 2014, a Xunta de Galicia deu luz verde a novas modalidades de traballo dos seus empregados públicos, a través da prestación de servizos a distancia mediante o teletraballo e o cumprimento da xornada laboral facendo uso da flexibilidade horaria. Con estas medidas o persoal da Xunta de Galicia pode distribuír o cumprimento de ata unha cuarta parte da súa xornada laboral e, sempre que se cumpran os requisitos regulados normativamente, traballar fóra das dependencias da administración. Todo iso co obxectivo fundamental de acadar unha maior eficiencia na prestación dos servizos públicos a través das novas tecnoloxías e fomentar unha maior conciliación da vida familiar e laboral dos traballadores.

A Xunta, segundo destacou Prieto, aposta por unha nova cultura organizacional na que é básico o papel das novas tecnoloxías coma ferramentas fundamentais para a consecución e o aproveitamento dos recursos propios que dispón. O obxectivo é alcanzar unha maior eficiencia na prestación dos servizos a través do uso das novas tecnoloxías contribuíndo á conciliación da vida familiar dos traballadores e tendendo a implantar a realización do traballo por obxectivos que é realmente unha das grandes finalidades que pretende conseguir nas administracións públicas máis alá do mero presencialismo.